lunes, 27 de junio de 2011

Os meus soños baixo o mar

A alumna de 3º ESO Patricia Martínez Paz participou nun concurso de relato curto convocado en Pontedeume e recibiu un accésit polo seu conto, que podedes ler a continuación.
Os meus soños baixo o mar
Deslizábame entre as árbores e os fieitos, deixábame guiar polo meu instinto, corría, deixábaos a todos atrás. Nada importaba. Ninguén tiña cabida nos meus pensamentos. Tiña que sobrevivir. Tiña que seguir adiante. De súpeto todo cambiou ao meu redor, comezaron a esvaecerse as árbores, unha tras outra eran borradas do meu mundo como estrelas brillantes á chegada do amencer. As temperaturas ascendían perigosamente, tiña medo, demasiado medo. Só podía seguir precipitándome ao descoñecido na miña carreira sen sentido, só podía seguir inmersa na miña infinita ladaíña de pasos trementes.
Enredeime nos meus propios pés e caín sobre a area, non era posible, coñecía ese bosque dende cativa, na miña illa non había outra area cá das brancas media lúas da costa , nunca houbera cabida para ela na súa exuberante paisaxe. Pero iso era todo o que os meus ollos eran capaces de albiscar no horizonte, mirara por onde mirase un mar de grans liviáns recibía o meu triste ollar. Unha abafante calor percorría a miña pel e derrubaba as miñas banais esperanzas. Tiña a certeza de que non sobreviviría, a miña mente era consciente de que endexamais volvería a contemplar como, xa chegada a tarde, un alaranxado sol se mergullaba nas augas celestes do Pacífico. Non volvería a oír a voz de meus pais, nin percorrer as praias de area branca que acariciaban a costa. Todo ía rematar...


E entón espertei, atopábame onde sempre, anicada na miña pequena cama. Aínda estaba amencendo. Os primeiros raios do sol gabeaban pousóns a través das cortiniñas feitas con follas de palmeira que ían dende o cónico tellado de palla ata o chan. Estaba no meu fogar, a calor era intensa e a humidade impregnaba o ambiente, pronto os meses das chuvias farían a súa aparición nas illas e acabaríanse os meses secos, a auga caería día sí e día tamén. A suor enchoupábame a caluga facendo así que o pelo se me pegase ao pescozo. Espreguiceime e levanteime. Meu irmán aínda non espertara pero meus pais xa abandonaran o fogar, sempre espertaban nas primeiras luces da aurora. De seguido vestinme. Hoxe miña nai iría ao arroio a lavar e a min tocábame ir a recoller ñames para comer. Collín a cesta de vimbio e acomodeina na cadeira. Hoxe o día ía ser caloroso, un de tantos, así que cubrín a cabeza cun pano e prepareime para o traballo.

A vida en Samoa non era fácil. Todos debíamos colaborar para seguir vivindo. Sacar a diante os cultivos era unha ardua tarefa, soportar as elevadas e constantes temperaturas máis aínda. Mentres camiñaba entre as casas do poboado botei a voar a imaxinación, soñei esperta, matinei en como sería a vida noutros lugares. O gran ancián que me ensinaba falarame deles moitas veces. Lugares onde os edificios eran tan altos que parecían agarimar o ceo cos seus teitos, lugares nos que a xente tiña unha gran caixa máxica repleta de comida que nunca se esgotaba, lugares onde as cativas da miña idade ían á escola e non debían traballar. Parecíame tan irreal! De seguro o ancián me gastara unha broma de mal gusto, non era posible un mundo así!

Seguín tan enfrascada nas miñas cavilacións que non reparei en que xa me afastara moito do poboado, non sabía ben por que pero sempre me acontecía o mesmo. Sempre ía cara o bosque, sabía que era perigoso. Dende moi nena meu pai sempre me avisou dos grandes perigos que supoñía internarse nel, posto que, a fin de contas, era unha selva tropical. Pero eu nunca fun capaz de escoitalo, xamais puiden atender aos seus consellos. As árbores chamábanme unha e outra vez, o seu aroma embriagábame e desexaba atoparme entre elas. Nunca me detiven a pensar que era un gran risco, que podía perderme, que podían atacarme todo tipo de animais dende serpes ata os depredadores máis hostís. Só podía sentir felicidade ao atoparme entre as ramas de todas esas grandes fontes de vida: coqueiros, plataneiros, taros, árbores do pan...Pero a miña árbore favorita foi e será sempre aquela cuxo froito é o cacao. Incontables veces me deixo levar polos meus pés en busca de aventuras entre as frondosas ramas das árbores, síntome viva e protexida entre elas, aínda que a realidade é ben distinta, e seino.

Outra das razóns polas que non me importa correr grandes riscos é ver esas explosións de cor que se atopan por aquí e por acolá, flores, de todos os tamaños e aromas. Parece que abandonas a realidade e te adentras nun mundo novo, un mundo de contos. Todos os día agradezo a Tangaloa, o gran deus creador, a existencia da natureza. Sen ela o mundo estaría baleiro, sería un sinxelo lenzo que algún pintor deixou esquecido e sen colorear nalgunha escura esquina.

Seguín camiñando co sorriso relucindo no rostro e decateime de que a paisaxe circundante me resultaba coñecida. Sabía onde me atopaba, o meu sorriso amplióuseme no rostro. Soltei de golpe a cesta de vimbio con algún que outro ñame xa no seu interior e botei a correr. Corrín ata que cheguei ao lugar máis marabilloso que coñecía. . Un pequeno salto de auga creaba ante os meus pés unha lagoa fermosísima. Dinme un baño, non o puiden evitar. Sentía como as súas augas me ofrecían un bálsamo inmediato para a calor que aflixía á miña pel.

Cando saín decateime de que se me fixera moi tarde, pronto o sol estaría no alto e meu irmán regresaría dos cultivos de copra. Botei a correr cara a casa. Aínda que levaba présa o camiño era longo e os meus pensamentos volveron a seguir camiños ligados á natureza. Recordei o día no que o mestre me contou que a illa de Samoa e as súas irmás naceran a partir dun volcán. Eu non comprendía ese termo así que lle expresei as miñas dúbidas preguntando se acaso “o volcán” era algún deus creador descendente de Tangaloa. El riu, e explicoume que un volcán era unha gran abertura da terra pola que saía un líquido vermello moi quente chamado lava. Tamén me contou como unha vez arrefriada esa descoñecida substancia formara as illas e co tempo convertéranse no que eran hoxe en día. Non fun capaz de reprimir un sorriso, definitivamente o mestre enlouquecera, quizais os anos lle pasaran factura. Ao mellor iso lles pasaba a todas as persoas anciás, non podía sabelo pois non coñecía a ninguén que vivira tantas estacións chuviosas coma el.

Cheguei ao poboado xusto a tempo para ver como meu irmán entraba na casa. Suspirei e fun ata alí.

-Ola Kala, umm outra vez de aventura polas mañás? –sorriu e negou coa cabeza- Xa sabes que a papá non lle fan ningunha gracia esas excursións túas ata o bosque.

-E ti ben sabes Keanu que tampouco lle agrada que vexas a Enua todas as mañás ao volver dos cultivos de copra, non si? –contraataquei eu. Se el falaba, eu faría o mesmo.

As miñas palabras conseguiron o seu propósito. Vin como Keanu pregaba o cello e saía da casa sen pronunciar palabra. Eu era a pequecha dos dous irmáns pero nunca me deixaba intimidar por Keanu pos coñecía ben o seu punto débil, Enua, a única rapaza de pel branca de todo o poboado.

Segundo me contara miña nai seus pais viñeran aquí de vacacións dende moi lonxe, dende a descoñecida Europa e decidiran mudarse aquí. Eran xente humilde e as dificultades da vida na illa non pareceron ser molestia para eles. Enua naceu aquí en Samoa e é unha máis da tribo, aínda que a meu pai non acaba de agradarlle.

Pouco despois de rematar de preparar o xantar miña nai chegou á vivenda. Como era costume compartimos a comida en ausencia de meu pai, que non volvería ata ben entrada a tardiña coa pesca do día. Cando as horas de gran calor do día chegaron o poboado apagouse, pois era o momento de repouso. Todos os habitantes que se atopaban nel debían ir cara as súas casas para tomar un descanso. Incluso o matai, o noso xefe, cumpría coa norma.

Xa caída a noite, tras a volta dos valentes pescadores ao poboado todos os samoanos reunímonos na casa comunal para beber “kava” unha bebida que fabrican as nais a partir da raíz da planta da pementa. Hoxe había unha gran expectación pois os homes xa adultos do poboado levarían a cabo a danza do bastón de lume.

Todos xuntos coma unha gran familia desprazámonos ata unha das fermosas praias da illa. A gran lúa chea que, co seu esvaecido resplandor presidía a reunión dende o ceo, mostraba unha xemelga idéntica sobre a superficie do mar sempre en calma. Xamais esquecerei a visión das palmeiras que, iluminadas pola branca luz do satélite, debuxaban formas imposibles sobre a nívea area e o doce cantar das cigarras que acariciaba os nosos tímpanos. O espectáculo deu comezo. Esta era a primeira vez que meu irmán participaba posto que só había uns meses que levara a cabo a dura cerimonia do tatuaxe, na cal deixou de ser un rapaz para converterse en todo un home, e agora lucía con orgullo uns fermosos tatuaxes dende arriba dos xeonllos ata o embigo.

O lume non tardou en debuxar contornos e sombras sobre o escuro ceo da noite. Todos miramos fascinados como os longos bastóns prendidos de lume xiraban e se deslizaban pola pel dos nosos amigos e coñecidos. Estes realizaban espectaculares filigranas e acrobacias que parecían desafiar á mesmísima gravidade. Sentín que o corazón se me enchía de satisfacción e unha gran calma inundaba a miña alma.

Tras a celebración, os que aínda éramos considerados nenos e os anciáns regresamos á casa para descansar. Os demais aproveitaban inda unhas horas para a pesca con fachas, a caza de caranguexos ou ben para pasar un rato co namorado. Xusto antes de entrar na casa vin como Keanu collía da man a Enua e lle murmuraba algo ao oído con tenrura. Sorrín, realmente facían boa parella, oxalá algún día meu pai fose capaz de aceptalo como xa facían os pais da rapaza.

Aniqueime no meu leito e mentres paseaba a vista pola palla do teito recordei o pesadelo que a noite anterior atormentara o meu descanso. Un arreguizo atravesou o meu corpo. Tiña un mal presentimento, sentía que aquel día fora perfecto, quizais demasiado, como a calma antes de tempestade, como a fera que asexa á súa presa antes de atacala. Inqueda fun incapaz de pegar ollo, sentín como o resto da miña familia volvía ao fogar, sentín como se durmían placidamente, pero tamén sentía que era a última vez que sucedería esta rutina, que todo cambiaría. Levanteime ás présas e deiteime xunto a Keanu, abrazada a el. Este espertouse e miroume abraiado pero limitouse a negar coa cabeza e deixarse vencer polo sono unha vez máis.

Non sei en que momento da longa noite ocorreu, pero os soños conseguiron levarme aos seus dominios e adormecéronme. Seino porque cando a alba fixo a súa aparición espertei tremendo coma un xunco e coas meixelas inundadas de bágoas. Keanu espertou tamén ao meu lado e abrazoume mentres me destinaba palabras de conforto que non facían nada máis que provocarme un maior nerviosismo. Rompín a chorar e enterrei o rostro entre as mans. Non sabía que me pasaba pero todo en min me dicía que fuxira, que ía a ocorrer algo, un mal tan extraordinario do que ninguén podería escapar. Un mal ineludible, como se a furia dos deuses se fose a desatar dun momento a outro sobre nós.

Chegou. O meu presentimento cumpriuse, e nunca antes desexara con tanto fervor estar equivocada. A terra contaxiouse do meu medo e, de súpeto, comezou a tremer. Berrei, non o puiden evitar. O meu corazón comezou a latexar con furia dentro do meu peito pretendendo escapar. Foi como se o tempo se detivese durante uns terribles instantes como se todo o que un día foi creado hoxe estivese a esvaecerse levándonos a todos con el.

Volvín a gritar, levanteime, tiña que fuxir coma no meu soño, deixarme levar polo instinto e escapar. Pero non fun capaz. A casa comezou a derrubarse e caín ao chan. Fun vagamente consciente de como Keanu me collía en brazos e me sacaba da casa. Fóra o inferno era moito peor, xente chorando, xente gritando, xente sufrindo. Casas derrubadas. Árbores caídos. Brechas na terra. Dor. Dor. E máis dor. O nos pobo destruído. Meu irmán deixoume caer ao chan e protexeume co seu corpo, pero eu sabía que se o noso destino dicía que ese era o final da nosa vida, así sería. Pero non foi. Tras o par de minutos mais longos da miña vida os tremores cesaron. Levantei a cabeza. Conseguirámolo, sobrevivimos. Pero cando mirei o rostro de Keanu e vin a súa expresión horrorizada fun consciente de todo o que me rodeaba. Xente falecida, pais sen fillos, fillos sen pais, familias sen casa, vendedores sen tendas.

Nese instante a voz do mestre, a persoa máis sabia e anciá da aldea, fixo acto de presencia sobre as lamentacións e os prantos.

-Fuxide! Isto non rematou, só foi o comezo do desastre –xirou a cabeza cara a praia- Mirade como as augas se retiran, mirade o horror que nos espera, pois próximo está o momento no que todo o mar se bote sobre nós coa maior furia nunca vista!

Mirounos a todos, a todos e cada un de nós e o que viu non o agradou pois ninguén estaba disposto a abandonar aos feridos á súa sorte.

-Pais, ides deixar acaso que os vosos fillos encontren o fin á súa vida antes de que comece? Teñen que saír de aquí! Deben ir cara o centro da illa! Subirse ás árbores máis altas!- Berrou o sabio.

Tras unha mirada significativa entre o mestre e o matai do pobo, este último ordenou que todos os rapaces, acompañados dos homes máis novos abandonaran a aldea xunto coas súas mulleres. Aínda conmocionada fun consciente de como nosos pais viñeron ata nós e nos abrazaban. Estaban despedíndose.

-Non!!-Berrei con toda a forza dos meus pulmóns.

Pero de súpeto un brazo suxeitoume pola cintura e arrastroume de alí, afastoume de meus pais. Era Keanu que, co rostro convertido nunha máscara inexpresiva que ocultaba a dor do seu interior, me apartaba da miña familia e da miña infancia para salvar a miña vida. Recordo que antes de dirixirnos cara o interior dese bosque que tanto amaba meu irmán recolleu a Enua dos brazos de seus pais como fixera anteriormente comigo. Ela tamén choraba, berraba e patexaba, non quería deixar atrás ás dúas persoas que lle deran á vida. Pero Keanu colleunos e mirounos moi serio.

-Temos que sobrevivir, temos que escapar. Por eles, polo noso pobo, por min, por favor...-enterrou o rostro entre as mans e cando volveu a mirarnos dúas bágoas titilaban no seu rostro- Correde...-engadiu nun murmurio



Así foi, sen mirar atrás corremos e corremos cara o bosque, coma no meu soño. Chorando e cunha intensa dor no corazón seguín avanzando para sobrevivir, para salvar a vida, o único que me quedaba. Ao noso redor corría o resto da xuventude da aldea, todos guiados por Keanu.

Cando os máis pequenos sufocados non puideron continuar trepamos ás árbores máis altas e dende alí fomos testemuñas da imaxe que aínda hoxe me persigue nos meus pesadelos, esa imaxe que bloquea os meus sentidos, esa imaxe que provoca que as lágrimas se derramen polas miñas meixelas inevitablemente. Vimos como pola costa unhas inmensas olas se achegaban ao noso pobo, aos nosos recordos, á nosa vida. Vimos como este quedaba sepultado debaixo da inmensidade do océano. Gritei e vin como Enua descargaba as súas bágoas no ombreiro de meu irmán, e como este miraba fixamente para o noso pobo, miraba sen ver, co ollar perdido. Ao meu redor desatárase outro mar, un mar de choros e de lamentacións.

Só podía ser plenamente consciente de que, aínda que sobrevivira á furia dun ente descoñecido, unha parte de min morrera debaixo das grandes olas. De que a miña infancia quedaba atrás de forma irremediable. De que, aínda que descoñecíamos se había superviventes á catástrofe, todos sabíamos que esa mañá perderamos unha parte de nós. E tiña a absoluta certeza de que a dor que estaba a experimentar estableceríase no meu corazón de forma permanente e que nunca me abandonaría plenamente.

Hoxe en día sei que o que golpeou á miña illa foi un terremoto de magnitude 8 na escala de Richter. Tamén sei que as ondas que anegaron o meu fogar acadaron os oito metros de altitude. E ademais, non hai ano que non recorde a todos e cada un dos 113 irmáns que perdín aquel día, aquel tráxico día no que as forzas da natureza se volveron contra nós.

No hay comentarios:

Publicar un comentario